En Galicia conviven dous idiomas: o galego, a lingua vernácula de Galicia e o español. Poderás manexarte en calquera dos dous sen problemas. A xente falarache no idioma que ti coñezas. Este curso está pensado para aqueles que teñan interese en coñecer a nosa lingua e a nosa cultura.
Sobre o século IX, nacían o galego e o portugués coma unha soa lingua, o galaico-portugués. Acadou o seu maior esplendor no uso literario no século XIII, sendo usada por trobadores e reis, coma Alfonso X o Sabio que escribía poesía no noso idioma. Despois da separación política de Portugal ámbalas dúas linguas seguiron un camiño evolutivo distinto. Inda así seguen a ser moi semellantes e galegos e portugueses enténdense case coma se estiveran a falar a mesma lingua.
O galego ten sobrevivido a moitos atrancos, e así e todo, hoxe segue a ser a voz da alma galega.Cada vez son máis os que se senten atraídos pola nosa terra e tamén pola nosa lingua e a nosa literatura. Hoxe en día é posíbel estudar galego en 41 universidades espalladas por todo o mundo dende Hungría ata Australia ou Brasil.
Ademais hai unha gran oferta cultural en galego da que poderedes gozar: teatro, música, literatura, contacontos...
Aparte da lingua trataremos algúns aspectos interesantes da cultura galega:
· O calendario galego e as súas festas
· Tradicións e supersticións
· Literatura galega
· Arte galega
· O Camiño de Santiago
· Historia de Galicia
· Actualidade galega
· A emigración
· Oficios tradicionais