É unha experiencia para os sentidos percorrer as arterias de pedra dos seus cascos antigos no inverno: arrecendo de castañas asadas, músicos que tocan baixo os soportais, bares cheos de amigos que gozan de viños e tapas... No verán as terrazas aparecen nas prazas e rúas máis vivas. As zonas comerciais son un continuo fervedoiro de xente todo o ano.
Vigo e maila Coruña son as cidades máis grandes. Ámbalas dúas teñen no mar o seu grande protagonista e os seus portos son dos máis activos do país.
Santiago de Compostela é unha alfaia de pedra, meta de peregrinos e estudantes que dan un ambiente especial á capital galega.
Pontevedra ten unha fermosa zona histórica que paga a pena visitar.
Lugo e Ourense están unidas polo río Miño. Ámbalas dúas gardan pegadas da dominación romana. Son afamadas polas súas pontes e as súas termas que datan daquela época. Lugo conserva, amais, a muralla romana máis longa da península. En Ourense son famosas as Burgas, fontes termais que acadan os 70 grados de temperatura.
Ferrol é un importante enclave industrial e marítimo, que conta con importantes mostras de arte neoclásica.
Mondoñedo, Tui, Betanzos, Noia e Ribadavia, son cidades máis pequenas que atesouran todo o encanto do medievo.
Paisaxes naturais e paisaxes urbanas. Paga a pena contemplalas todas e cada unha delas. Ven a velas!