Galicia é unha gran pedra de granito na que se esculpe a nosa cultura. Dende a prehistoria, as pedras son obxecto de culto pagán na nosa tradición. A pedra é protagonista de ritos sanadores e de fecundidade que aínda sobreviven hoxe en día.
Os nosos devanceiros crían no poder das pedras e delas fixeron dolmens, petroglifos, castros, pontes, pallozas, milladoiros e máis tarde cruceiros, hórreos, mosteiros, castelos, pazos, igrexas, catedrais...
A pedra entendíase coma un vencello co sobrenatural, co sagrado e o eterno.
Algunhas pedras vinculadas a cultos son:
· A Pedra da Serpe de Gondomil: Os Saefes era un dos pobos anterior á chegada dos celtas e a serpe era parte do seu culto animista. Nesta pedra, para algúns altar druídico, hai enroscada unha serpe alada dun metro e medio. Foi cristianizada coma outras moitas pedras de cultos pagás. Así xurdiu a lenda de San Hadrián que espantou a tódalas serpes da zona pisando con forza no chan.
A Pedra dos Cadrís e a Pedra de Abalar: Crese que é parte da barca de pedra que trouxo á Virxe a Muxía (lenda da Virxe da Barca) . A xente pasa por debaixo da pedra 9 veces para se curar de problemas de riles e lombo. A Pedra de Abalar é a vela da barca que, segundo a tradición, algúns tentan mover para cumprir os seus desexos. Din que só os que teñan moita fe lograrán movela.
· A Pedra de San Guillerme: En Fisterra, no monte de san Guillerme hai una sepulcro antropomorfo, ó que chaman o leito do santo. Alí acoden as parellas que teñen problemas de fertilidade. Déitanse na pedra e confían nas súas propiedades fecundadoras. Esta tradición está vencellada co Ara Solis, o altar pétreo do solpor que sitúan nese monte da fin do mundo.
· Pedrón: Pedra á que, segundo conta a lenda, amarraron a barca co corpo de Santiago ao traelo de volta os seus discípulos. Dende entón consérvase na igrexa de Santiago en Padrón.
· O Santo dos Croques: Encontrámolo na catedral de Santiago e é unha efixie do Mestre Mateo, autor do Pórtico da Gloria. Está de xeonllos ó outro lado do pórtico ollando cara o Altar Maior. É un ritual máis o bater a testa tres veces contra a súa cabeza de cabelo rizo para conseguiren algo do seu xenio e intelixencia.
· Laudas gremiais: Pódense visitar na Igrexa de Santa María A Nova en Noia, cidade ligada pola lenda con Noé e o diluvio universal. Nesta igrexa hai unhas lápidas cubertas con símbolos gremiais que identifican diferentes oficios. Ancoras e barcos para mariñeiros, tesoiras e agulla para os xastres, instrumentos de traballo para os zapateiros...
Algúns representan símbolos difíciles de descifraren, que esconden a linguaxe secreta dos canteiros do medievo.
· O Monte Pindo. (Carnota) Coñecido tamén como o Olimpo celta. É un lugar de lenda e a súa peculiar morfoloxía axuda a avivar a imaxinación dos que o contemplan. As pedras semellan tomar formas humanas. Os seus picoutos graníticos parecen guerreiros de pedra.